Os incendios abrasan o sur de Turquía


As chamas non dan tregua a Turquía. Polo menos oito persoas morreron como consecuencia dos máis de 170 incendios que comezaron hai unha semana e que están a abrasar a costa sur do país. O lume destruíu bosques e centenares de cabezas de gando. A calor, a baixa humidade e os ventos están a facer difíciles as tarefas dos bombeiros. Preocupa especialmente a situación na provincia de Mugla, xa que as chamas poderían alcanzar dúas plantas de enerxía térmica onde o traballo está a ser especialmente intenso. Os turistas están a abandonar a rexión en coches e barcos e a situación está a poñer a proba o liderado de Recep Tayip Erdogan. As autoridades están a investigar as causas dos lumes e non descartan unha sabotaxe kurda. Os expertos, ao contrario, consideran que a situación é consecuencia das altas temperaturas que está a sufrir a rexión e de accións individuais puntuais.