De momento, segundo o último parte de Medio Rural, arderon 7.500 hectáreas en Carballeda de Valdeorras e 6.000 entre a suma dos núcleos afectados en Folgoso. En Valdeorras a noite pasada volveu a ser un inferno e o vento complicou moito a extinción do lume. En Oímbra son 1.500 as hectáreas devastadas, en Vilariño de Conso 2.650 e en Ribadavia, 65. O total suma case 20.000 hectáreas calcinadas e entre elas varias vivendas habitadas. O conselleiro do Medio Rural, José González, manifestou que os incendios están tendo un comportamento moi errático e virulento, nunca visto antes en Galicia e que está dificultando as tarefas de extinción. A esperanza está na baixada das temperaturas que se están a rexistrar este martes. Cabe lembrar que está ao dispor da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar algún lume forestal, e existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085.
38