Os inmobles da cidade histórica recibirán 300.000 euros para mantemento e melloras

Imaxe dun inmoble rehabilitado polo Consorcio_Fonte: santiagodecompostela.gal

  • O prazo para solicitar estas axudas remata o día 2 de marzo

O Consorcio de Santiago ten en marcha unha nova convocatoria do programa Ter é manter, dirixido ao mantemento e mellora da eficiencia enerxética da envolvente exterior dos edificios da cidade histórica de Santiago, que inclúe ademais as actuacións sobre os elementos especiais de madeira e reixas. O organismo interadministrativo destinará a esta convocatoria un importe global de 300.000 euros. O prazo para solicitar estas axudas remata o vindeiro 2 de marzo e as solicitudes poderán presentarse no rexistro do Consorcio ou en calquera outro rexistro.

Esta subvención abrangue as fachadas exteriores ou patios interiores, cubertas, canlóns e baixantes, carpinterías e galerías de madeira, portas de entrada aos edificios e reixerías dos inmobles situados no ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica.

Beneficiarios das axudas
Poderán beneficiarse destas axudas tanto as persoas físicas ou xurídicas como unha agrupación de persoas físicas ou xurídicas; propietarias, inquilinas ou aquelas que teñan algún dereito de uso sobre os inmobles. Tamén poderán ser beneficiarias as comunidades de propietarios.