Os ladróns de bares cébanse en Bergantiños

1 minutes read
  • Este domingo tocoulle a quenda a unha cafetería de Caión – A Laracha, de onde se levaron máis de 9.000 euros.

Os amigos do alleo traen en xaque aos donos dos bares da comarca e, de momento, ás forzas de seguridade. O pasado venres tentaron, aínda que sen éxito tras a resistencia ofrecida pola camareira, atracar unha cervexaría no lugar de Pazos, en Ponteceso. Este sábado, con máis gloria que pena, lograron o seu obxectivo e a -punta de pistola- atracaron en Coristanco a cervexaría A Arboleda, onde ademais de producir importantes desfeitas no local, levaron, segundo a propiedade, un botín de algo máis de mil euros. A Arboleda permanece pechada desde entón para reparar os danos ocasionados polo atracador, aínda que se prevee que este luns poida abrir xa con normalidade.

Pero a cousa non queda aí, na madrugada deste domingo uns encapuchados perpetraron un roubo nunha cafetería do paseo marítimo de Caión. Segundo os responsables do establecemento, os delincuentes romperon a porta principal para coarse no interior do local, do que afirman que puideron levar unha cantidade superior aos nove mil euros, ademais de causar importantes desfeitas en toda a cafetería.

As forzas de seguridade investigan o ocorrido en Caión e se este roubo puidese ter relación cos casos anteriores, dadada a súa similitude, aínda que os vehículos utilizados non foron os mesmos.