Os maiores de 65 anos comezan a recibir a vacina contra a gripe

Vacinación frente a la gripe_Xunta de Galicia

  • Ademais, aquelas persoas de máis de 80 anos levarán de xeito simultáneo esta vacina e a terceira dose fronte á Covid-19

Este luns o Sergas comeza a vacinar contra a gripe a aquelas persoas de máis de 65 anos, usuarios de residencias de maiores e traballadores destas institucións. Ademais, aqueles de máis de 70 anos xa poden recibir a terceira dose fronte á Covid-19: as persoas que teñan 80 anos ou máis levarán ambas vacinas de xeito simultáneo, sendo citadas na área sanitaria que lles corresponde, mentres que os cidadáns de entre 70 e 79 anos deberán solicitar unha cita para levar a vacina da gripe e quedarán pendentes de ser chamados para a da Covid-19.

Esta campaña, iniciada o pasado día 18 e con previsión de finalizar a finais de ano, é secuencial, polo haberá distintos grupos de poboación para evitar aglomeracións nos centros de saúde. Deste xeito, a partir do 15 de novembro serán receptores da vacina as persoas de entre 60 e 64 anos, menores de 60 con patoloxías de risco, embarazadas, prematuros (de 6 meses a 2 anos) e persoal de servizos esenciais, con exposición laboral e oficinas de farmacia.

Finalmente, do 29 de novembro ao 31 de decembro será o turno dos conviventes de persoas con risco e o resto da poboación.