O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, vén de anunciar en rolda de prensa que o seu equipo de goberno acordou, na súa reunión deste xoves, estender o veto ao uso de teléfonos móbiles por parte do alumnado en todos os centros de ensino —colexios e institutos— tamén aos recreos, os comedores escolares, as actividades extraescolares e as entradas e saídas dos recintos, polo que os centros xa non poderán decidir se os permiten ou non nestes ámbitos fóra do considerado período lectivo —aulas—.
Na actualidade, 75% dos centros educativos galegos teñen vetado o uso de móbiles para o alumnado en todo momento, segundo os datos facilitados pola Xunta que, agora, pretende unificar o criterio e que a prohibición sexa xeneralizada. E é que un decreto de 2015 impide ao alumnado empregar o seu teléfono móbil durante as clases, pero deixa en mans das directivas de colexios e institutos permitir ou non que se use durante recreos, horario de comedor ou outros momentos da xornada. A intención da Xunta é aplicar esta norma o antes posíbel e que poida xa estar vixente coa volta ás clases tras as ferias de Nadal.
Si poderán usarse, unicamente, con fins educativos previa autorización do persoal docente. A Xunta debaterá agora coas Asociacións de nais e pais (ANPA) e con responsábeis dos propios colexios e institutos os pormenores desta medida, que Rueda confía que entre en vigor xa o vindeiro mes de xaneiro, pasadas as vacacións de Nadal. Está por ver aínda se afecta todos os e as estudantes de até 18 anos ou se fican exentos os de entre 16 e 18 anos.