Os museos públicos galegos ofrecen variedade de mostras e actividades durante a Semana Santa


A Rede de Museos xestionados pola Xunta ofrecen diversas mostras e actividades que representan unha interesante alternativa cultural para os días da Semana Santa. As persoas que visiten estes centros poderán gozar de diferentes disciplinas artísticas, arqueoloxía e a posibilidade de participar en visitas guiadas pensadas tamén para o público familiar.

No Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia vén de inaugurarse a exposición Faraón. Rei de Exipto, composta por 140 pezas das coleccións do British Museum, un dos máis prestixiosos e visitados museos do mundo. Súmase así a Os brancos segredos do seu ventre, unha selección de 53 pezas de recoñecidos artistas de arte contemporánea e Ás miradas de Isaac, a primeira grande exposición sobre Díaz Pardo tralo seu falecemento.

O Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Compostela acolle Imaxes de pedra, unha viaxe polo Camiño de Santiago que se fixa en detalles da monumental escultura románica da man da doutora en Belas Artes, Rosa Elvira Caamaño Fernández.

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), vén de abrir a mostra Accións peregrinas da artista sevillana Pilar Albarracín, unha das creadoras clave na renovación das linguaxes artísticas en España durante os anos noventa do pasado século.

O Museo de Belas Artes da Coruña ofrécelles aos visitantes un percorrido pola moda do período 1860-1960 a través da colección González Moro reunida na mostra Vestir épocas.

Pola súa banda, o Museo do Mar de Vigo acolle a exposición Crebas, unha serie fotográfica realizada nun areal da Costa da Morte, na que Manuel Sendón ofrece a súa visión dos obxectos arrastrados polo mar á costa. Reúne 30 fotografías de gran formato e un políptico de 60 máis pequenas.

As persoas interesadas na arqueoloxía poden visitar nestes días os diferentes museos e centros de interpretación relacionados coa prehistoria, a arte rupestre e a cultura castrexa.