Os negocios sen actividade en Ferrol pagarán o mínimo de auga e lixo

Imaxe dunha rúa de Ferrol_Concello

  • O importe mínimo fixado pola norma vixente é de 28,19 euros

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, puxo en marcha unha nova medida económica que o goberno local viña estudando dende a declaración do estado de alarma para paliar os efectos da epidemia de COVID-19 entre o tecido económico da cidade. Para isto foi preciso crear un decreto polo que os negocios que non poidan desenvolver a súa actividade pagarán polo recibo da auga e do lixo o importe mínimo que permite a normativa vixente, que se cifra en 28,19 euros. En principio, a medida afectará a marzo e abril, aínda que podería estenderse no tempo se o Goberno non levanta as restricións antes de que remate este mes.

Os comercios e locais unicamente aboarán os mínimos de 5,79 euros polo saneamento sen actividade e o importe reducido de 22,40 pola recollida de residuos sólidos urbanos.

A factura non incluirá os consumos de auga ante a imposibilidade de realizar as lecturas dos contadores debido á epidemia. No caso de que se rexistrase un mínimo consumo, compensarase en futuros recibos.

Prazo de solicitude
A mencionada baixa na taxa de abastecemento debe ser solicitada de forma telemática polo interesado. O prazo do que dispón para facelo rematará o próximo 30 de abril (inclusive). Terá que acreditar ante Emafesa, mediante o epígrafe do IAE, entre outra documentación esixible, o peche efectivo do local debido ao estado de alarma. Para facelo, é necesario que se dirixa á dirección de correo electrónico info@emafesa.com, aos números de teléfono 981 369 012 e 981 369 015 ou ao fax 981 300 148.

Aprazamento dos cobros correspondentes aos atrasos
O decreto firmado este mércores polo alcalde contempla tamén a suspensión temporal do cobro dos atrasos da taxa de depuración. Neste caso é con carácter xeral para todos os usuarios, tamén os particulares.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha