Os nenos e nenas saharauís que pasarán o verán en Galicia terán cobertura sanitaria

O Servizo Galego de Saúde dará cobertura asistencial, un verán máis, aos rapaces saharauís que participan no programa Vacacións en Paz, organizado en Galicia pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Este venres, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, fixolle entrega á presidenta da asociación, Maite Isla Avión, dos documentos acreditativos que garanten a asistencia sanitaria durante as vacacións dos 184 menores saharauís que se desprazan a Galicia este verán, ao abeiro do programa.

A colaboración establecida entre o Sergas e a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí inclúe a atención primaria, a atención especializada e as prestacións farmacéuticas.

A cobertura sanitaria en atención primaria abrangue a cobertura nas consultas, servizos e centros de saúde; a indicación ou prescrición e a realización de probas e medios diagnósticos; as actividades programadas en materia sanitaria como a vacinación, exames de saúde e outras medidas de prevención, promoción e rehabilitación; ademais de programas de atención á infancia e urxencias.

En canto á atención especializada, inclúese a asistencia ambulatoria especializada en consultas, que pode abarcar os procedementos cirúrxicos menores; a asistencia ambulatoria especializada no hospital de día, que abrangue a asistencia médica, a cirúrxica, a pediátrica para procesos agudos, a reagudización de procesos crónicos ou a realización de tratamentos de procedementos diagnósticos que así o aconsellen; ademais da asistencia especializada en réxime de hospitalización. No referido á prestación farmacéutica, a colaboración establecida abrangue a dispensación prestada en réxime de internamento e a prescrita en réxime extrahospitalario.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha