Os neurólogos lembran a importancia de identificar os síntomas do ictus

  • Este martes 29 de outubro celebrouse o día mundial desta grave enfermidade.

No noso país o ictus supón xa a primeira causa de morte entre as mulleres e a segunda entre os homes e é o principal motivo de discapacidade permanente na idade adulta. Un 90% dos pacientes sofre secuelas e ata un 30% queda inhabilitado para poder realizar as súas actividades básicas da vida diaria. Á gravidade da patoloxía súmase o incremento de casos, motivado por varios factores, como explica a Dra. Ana García Pelayo, neuróloga do Hospital HM Modelo, “xa que a pesar de que a idade é un dos principais factores de risco para padecer un ictus, a adopción de hábitos de vida pouco saudables, o incremento da hipertensión arterial e de arritmias na poboación menor de 50 anos, parecen ser a causa deste aumento de casos que estamos a ver”.

Entre as causas que provocan un ictus está a presenza dunha arritmia moi frecuente na poboación xeral, que é a fibrilación auricular, “polo que é fundamental o seu diagnóstico precoz para poder tomar as medidas terapéuticas oportunas”, explica a Dra. García Pelayo. Outro factor de risco é o feito de sufrir xa un ictus. “O 10% dos pacientes sofren un novo episodio durante o primeiro ano e a partir do segundo o risco de recorrencia é dun 5% anual, polo que esencial levar un control estrito de todos os factores de risco cardiovascular se o paciente xa sufriu un ictus”, indica a especialista en Neuroloxía do Hospital HM Modelo.

Os expertos chaman a atención sobre os factores de risco potencialmente modificables, como son a obesidade, o tabaquismo, o sedentarismo, a hipertensión arterial, a diabetes e a dislipemia. Todos eles asócianse a un maior número de casos, polo que recomendan unha dieta saudable, o abandono do tabaco e o alcol e o exercicio físico como medidas para axudar a controlar estes factores.

Actuar a tempo

O máis importante ante un ictus é actuar rapidamente, por iso os profesionais médicos inciden na importancia de que a poboación saiba identificar os síntomas para poder solicitar axuda na menor brevidade posible. A perda de forza ou sensibilidade repentina na cara, brazo ou perna, especialmente nun lado do corpo, a aparición de confusión ou problemas na fala ou para a compresión, a perda de visión nun ou en ambos ollos, a dificultade de súpeto para camiñar, mareos ou perda do equilibrio e a existencia dunha dor de cabeza forte, repentino, sen causa coñecida, poden alertar sobre a posibilidade de estar a sufrir un evento cerebrovascular.

Ante calquera destas situacións ‘cada segundo conta’, polo que se debe avisar ao 112, mesmo aínda que os síntomas cedan ao cabo duns minutos, xa que podería tratarse dun ictus transitorio que posteriormente dea lugar a un novo evento.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha