Os nomes da nosa terra pretende difundir, a través dun coidado formato audiovisual, os feitos e as historias que deron orixe a nomes de aldeas, parroquias, fincas ou corredoiras que compoñen algúns dos máis de dous millóns de topónimos que podemos atopar en Galicia.
Dividido en seis capítulos, cada un deles estará centrado, respectivamente, en Barcia de Mera (parroquia de Covelo, Pontevedra), A Coruña, Arteixo, Oleiros, Marzoa (parroquia de Sigüeiro, A Coruña) e o Monte Pindo. O xornalista e condutor Fran Cañotas será o encargado de guiarnos nesta viaxe polas corredoiras da cultura inmaterial galega da man da xente propia do lugar e tamén de expertos na lingua, antropoloxía e historia.
Os capítulos, duns 10 minutos de duración, estarán dispoñibles no Portal da Lingua galega e na canle de youtube da Secretaría Xeral de Política Lingüística a partir de hoxe e tamén poderán seguirse, semanalmente, nas redes sociais da lingua galega.
