Os novos coches da Policía Local de Carballo contarán con desfibriladores e cámaras de gravación

Policía local Carballo

  • Os axentes recibirán un curso de formación teórica e práctica sobre o uso dos equipos

A Xunta de Goberno Local adxudicou este luns o contrato de subministro, por renting, de dous vehículos para a Policía Local. A empresa Grupivazgle dotará ao corpo policial de dous SUV Seat Ateca por un importe de 103.382,40 euros e un prazo de catro anos. Ademais do equipamento habitual nestes vehículos, inclúense a maiores desfibriladores, cámaras de gravación dianteira e traseira en tarxeta SD e, nun dos coches, un kit de transporte de detidos.

Dado que o prazo de entrega establecido é de 20 días a partir da formalización do contrato, a Concellaría de Seguridade ten organizado xa para o 11 de marzo, de 15:30 a 21:30 horas, un curso dirixido aos axentes da Policía Local, que recibirán formación teórico-práctica sobre os fundamentos da reanimación cardiopulmonar e o manexo de desfibriladores.

O curso será impartido por Fernando Mosteiro Pereira, coordinador de transplantes do CHUAC, a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).