Así o confirmou o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, nunha visita ao municipio, na que deu conta dos proxectos portuarios previstos e aproveitou para reunirse cos representantes da Confraría de Pescadores.
O titular de Mar explicou que na anualidade do vindeiro exercicio recóllese unha partida de 714.000 euros destinada á execución de dragaxe do porto. Esta actuación consistirá na extracción de máis de 20.000 metros cúbicos de area de dúas zonas do porto: a rampla de varada e a zona dos peiraos de atraque comercial interiores.
As obras permitirán mellorar a operatividade do porto devolvendo o calado necesario para a actividade diaria do sector pesqueiro e o tráfico comercial. A día de hoxe, os traballos atópanse en fase de redacción de proxecto e a súa licitación e execución prevense para o vindeiro exercicio.
Alfonso Villares informou tamén de que os orzamentos da Xunta para o próximo ano recollen, así mesmo, unha partida de 30.000 euros para a tramitación previa do proxecto de reforzo do dique de abrigo de Cariño. Esta proposta atópase en fase de tramitación administrativa ao precisar dunha modificación da adscrición de solo do porto, polo que Portos de Galicia tópase á espera de informes do Goberno central. O investimento global previsto, en partidas plurianuais, supera os 6 millóns de euros.