Os partidos políticos aproveitaron a feira de Carballo para ofrecer as súas propostas á cidadanía

2 minutes read

Unha feira moi concorrida e animada a celebrada este domingo en Carballo, con gran afluencia de público e o aliciente a maiores da recuperación dos postos da zona da Milagrosa. Aínda que había previsión de chuvascos, o tempo comportouse e practicamente non choveu en toda a mañá. A feira dominical tamén foi aproveitada pola maioría dos partidos políticos que concorren ás eleccións autonómicas do próximo 12 de xullo para ofrecer as súas propostas á cidadanía.

Partido Popular

A comitiva dos populares estivo encabezada por un dos membros da súa candidatura, Rubén Lorenzo. Lorenzo destacou que aínda que se trata dunha campaña atípica por mor da situación sanitaria, a súa formación vai estar a pé de rúa para recoller as demandas dos veciños e explicar as propostas da formación.

PSdG – PSOE

Por parte dos socialistas, ata a feira de Carballo achegáronse este domingo varios membros do partido na comarca como Encarna Liñeiro, Martiño Seco, Lois García Carballido, Walter Pardo ou Mari Carme Vila. En declaración de Seco, só hai dúas opcións o día 12, pois “ou goberna Feijóo ou goberna Gonzalo Caballero”.

BNG

Os nacionalistas non quixeron esquecer no seu paseo pola feira a conmemoración do Día do Orgullo. A comitiva estivo encabezada polo candidato Daniel Pérez, que estivo acompañado por representantes do BNG comarcal, como o tamén candidato Xoan Manuel Sande ou o propio alcalde de Carballo Evencio Ferrero, entre outros.

Marea Galeguista

Outra das forzas que pediu o voto este domingo en Carballo foi a Marea Galeguista. Varios dos seus candidatos provinciais arrouparon ao candidato por Bergantiños, Jesús Deus Gende, quen se comprometeu a trasladar aos seus compañeiros e posibles deputados varios asuntos da problemática bergantiñá, como o da Lagoa de Baldaio, a falta de comedores sociais, a limpeza de fincas e solares en Razo, a creación dunha área de descanso para autocaravanas ou a tan demandada circunvalación de Carballo.