Os Pendellos de Agolada prepáranse para a novena edición do ‘Corazón da Artesanía’


Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, celebrarase desde o venres 8 ata o domingo 10 de xullo no recinto histórico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra).  
O Encontro, impulsado a través da Fundación Artesanía de Galicia, consolídase en cada edición como un evento de referencia na divulgación e na posta en valor dos oficios artesanais galegos, especialmente naqueles máis tradicionais.

Durante tres días, os Pendellos de Agolada volveranse encher con demostracións de artesáns, exposición e venda de produtos de alimentación gourmet, cursos de formación tanto para público especializado como para todos os públicos, música e showcookings da mellor gastronomía galega servida en pezas da marca Artesanía de Galicia. Na edición deste ano contarase con 57 artesáns de 27 oficios diferentes, actuacións musicais, talleres abertos de iniciación aos oficios artesanais e cursos especializados con inscrición previa. O horario do Corazón da Artesanía. IX Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia será de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas.

Os 57 artesáns que participarán nesta novena edición representan un total de 27 oficios diferentes: marroquinería e coiro, instrumentos musicais, redeiras, téxtil, encaixe, tapices, tecido en baixo lizo, elaboración de traxe tradicional, xoiería, ourivería, forxa, labores de palla, colareiras, cerámica, olería, zapatería, cantería, talla en madeira, tornería de madeira, elaboración de zocos, xoguetes e bonecos, debuxo e ilustración, elaboración de papel, elaboración de figuras tradicionais de miga de pan, cestería, cartón pedra e bordado ao aire.

Dos 42 expositores de Artesanía de Galicia – 18 son obradoiros que participan por primeira vez neste encontro – 21 obradoiros pertencen á provincia da Coruña, 10 á de Lugo, tres á de Ourense e oito á de Pontevedra.

Da provincia da Coruña participan os obradoiros composteláns Artesanía JMR, Brazolinda, Macala, Deica! Creacións, Ilex Talla, Jatafarta, Ocarina Paprolo, Kinga Haudek e Susi Gesto; os da Coruña Fiando Miúdo; de Buño (Malpica de Bergantiños) participan Alfarería Lista, Alfarería Rulo e Obradoiro Gorín; Belategui Regueiro e Obradoiro de Gaitas Seivane, de Cambre, este último, Premio Traxectoria 2021 nos Premios Artesanía de Galicia; Cerámica Unzueta (Brión); Laia Zapateiros (Melide); Manuel Figueiras (Muros); Redeiras artesás (Ponteceso); Pedras de papel (Rianxo); e Siliva (Abegondo).

Os obradoiros da provincia de Lugo que participan no Corazón da Artesanía son Enxógate e Armaior, de Quiroga;  Raíces Nómadas (Ribadeo); Centro Oleiro Rectoral de Gundivós (Sober); Coitelos Fonsagrada (A Fonsagrada); Lucecús (Guitiriz); os obradoiros Fusaiola e José Luis Canteiro, de Vilalba; e mais Tres caracoles e Milbrumas, de Lugo.

De Ourense participan Lumecú (Vilar de Santos), O Reberete (Maside) e mais Xaime Piñeiro (Allariz), os tres obradoiros asisten ao Corazón da Artesanía por primeira vez. Da provincia de Pontevedra, participan por primeira vez M. Isabel (Silleda) e Vikensen (Tomiño), e repiten os obradoiros de Vigo A Casa Rodante, coIRaxe e Mario López Joyería de Autor; Eferro (Vila de Cruces); Montse Betanzos (O Grove); e Zimzelatum (Gondomar).