Os peregrinos contarán cunha credencial dixital que funcionará cunha app móbil

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo na presentación da credencial dixital_Xunta de Galicia

  • As certificacións do paso polos distintos puntos do Camiño poderanse obter a través da captura de códigos QR

Este martes a cidade de Santiago acolleu a presentación da credencial dixital do peregrino, coa que se pretende evitar o contacto persoal e dar unha mellor prestación de servizos dixitais que faciliten o propio camiño. O acto de presentación contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez, e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo.

Na súa intervención, a directora de Turismo de Galicia destacou que esta nova aplicación dixital permitiralles aos peregrinos selar a credencial de xeito telemático mentres fan a ruta, o que “ademais da comodidade que supón, evitará tamén todo contacto persoal”, manifestou. Con motivo da crise provocada pola Covid-19 e para frear a súa expansión, esta iniciativa contará con manuais de actuación para albergues ou a formación para propietarios e persoal destas instalacións.

A credencial dixital estará dispoñible en varios idiomas nunha app móbil para as plataformas iOS e Android, mostrará tamén as distintas rutas do Camiño de Santiago e, ademais de posibilitar a captura dos selos dixitais a través de códigos QR, permitirá a integración dos datos no Rexistro do peregrino.