Os peregrinos xa poden contratar con Correos o transporte de mochilas no Camiño para 2023

1 minutes read

Correos xa ofrece aos peregrinos e peregrinas que vaian facer o Roteiro en 2023 a posibilidade de contratar o seu servizo de transporte de mochilas etapa a etapa no Camiño de Santiago.

O Paq Mochila, que se contrata en www.paqmochila.com, permite ao peregrino camiñar sen cargar coa súa equipaxe ao longo do seu Camiño. O carteiro pasará a partir das 8:00 a recoller a equipaxe dos peregrinos que reserven este servizo no aloxamento indicado e deixarao no seguinte antes das 14:30 horas.

Aqueles peregrinos e peregrinas que estean a preparar xa o Roteiro para realizar en 2023 contan na web cun sinxelo formulario dispoñible en 9 idiomas onde poderán ir marcando os seus aloxamentos e etapas.

Correos realiza durante todo o ano o Camiño de Santiago desde Sarria e desde o 1 de abril ata o 31 de outubro o Camiño Francés desde Roncesvalles e Somport, o Camiño Portugués desde Tui e A Guarda –incluída a Variante Espiritual-, o Camiño do Norte desde Irún, o Camiño Primitivo desde Oviedo, o Camiño Inglés desde Ferrol, o Camiño de Inverno desde Ponferrada, o Camiño Mozárabe-Vía da Prata desde Ourense e o Camiño a Fisterra e Muxía.