Táboas, bidóns, poliespan, todo o que flote e pese pouco pasa a proba para construír unha carrilancha. Pasadas as seis da tarde saíron a nado desde Bértoa ata a meta, xunto ao parque da estación de autobuses, pasando por metas volantes imaxinarias situadas nas distintas pontes que cruzan o río e onde a afluencia de público era máis numerosa. A clasificación final quedou como segue:
1.- «Os piratas do Anllóns», primeiro premio.
2.- «Titanic», segundo premio.
3.- «Tanque», terceiro premio.
4.- «Os Pachachos», primeiro premio a tripulación máis simpática.
5.- «As sardiñas do Anllóns», segundo premio a embarcación máis simpática.
6.- «Carballo a trinta», premio ás mellores probas de habilidade.
7.- «Ecologic», premio á embarcación máis veloz.
As actuacións da noite castigadas pola choiva
Unhas mil persoas encheron a praza do Concello de Carballo para ver unha das actuacións estrela da semana grande das festas, a de Blas Cantó. Pero a iso das 12:30 da noite unha choiva fina e intensa fixo que só quedasen os máis fieis e a cuberto de paraugas. Tras preto dunha hora ininterrompida de choiva o concerto chegou ao seu fin a iso da 1:25 h. Era a quenda dunha das orquestras top do San Xoán, a Panorama, que nada máis dar comezo ao seu espectáculo comezou a deixar de chover e a praza foise enchendo un pouco máis ao ritmo que pasaban os minutos. Panorama non defraudou e os seguidores e público en xeral gozaron da música, a iluminación e os visuais como nunca.