O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, acompañado do vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou en Ribeira nunha nova edición da gala dos Premios Deporte Galego.
Esta edición dos Premios Deporte Galego resultou con 22 deportistas e entidades premiadas en 18 categorías distintas.
Teresa Portela e Ana Peleteiro foron premiadas como as mellores deportistas femininas; Adiaratou Iglesias, como a mellor deportista feminina con discapacidade; Carlos Arévalo, como mellor deportista masculino; Martín de la Puente, como mellor deportista masculino con discapacidade e Antía Jácome, como a mellor deportista revelación.
Pola súa banda, Burela FS recibiu o galardón ao mellor equipo feminino; o Cidade de Lugo Fluvial, o de mellor equipo masculino; o RC Deportivo de La Coruña Genuine e o CD Lugo Genuine, os de mellores equipos de deportistas con discapacidade e o Club Básquet Coruña resultou como a mellor entidade na promoción do deporte base.
Tamén se premiou a Miguel Martínez como mellor adestrador; a Manuel Franco como mellor xuíz; ao programa Galicia en Xogo Olímpico como mellor labor informativo; os Mundiais de Loita de Pontevedra 2022 e O Gran Camiño 2022 como mellores eventos deportivos; a Recalvi como mellor patrocinio deportivo e ao Bueu Atlético e ao Calvo Xiria co premio Xogo Limpo.
Finalmente, como entidades destacadas no fomento e promoción da actividade física e hábitos de vida activa recibiron o premio Galicia Saudable: o Inibic Sergas, como entidade de carácter público; a Fundación Abrente Equipo Enki, como entidade de carácter privado; e, por último, o IES Manuel García Barros como entidade educativa.