Os presidentes de Asturias e Castela e León propostos a Medallas de Ouro de Galicia

2 minutes read

A traxectoria de ambos os dous ao servizo dos cidadáns pon de manifesto que o entendemento entre diferentes administracións e gobernos non só é posible, senón que é necesario para buscar solucións comúns a problemas e oportunidades que comparten Galicia, Asturias e Castela e León, como a aposta polo Corredor ferroviario do Noroeste, que conecta os portos da fachada atlántica co interior e co resto de Europa.

Ambos presidentes comprenderon que o reforzo do Corredor ferroviario do Noroeste cos investimentos necesarios é fundamental para vivir nunha España equilibrada e mellor vertebrada tanto no Noroeste como cara a Portugal, onde todos –con independencia do lugar no que vivamos– dispoñamos das mesmas oportunidades e dos mesmos servizos.

Os dous sempre cultivaron unha política que aposta pola suma e non pola resta, unha política a favor de todos e en contra de ninguén.

Javier Fernández e Juan Vicente Herrera defenderon durante os seus mandatos a idea dunha España equilibrada non só no que ao Corredor Ferroviario do Noroeste se refire, senón tamén con respecto ao financiamento autonómico, que debe ser multilateral e xusto.

Con eles como presidentes, Galicia, Asturias e Castela e León defenderon xuntas un modelo territorial que se basee no respecto á Constitución e, sobre todo, no principio de igualdade de todos os españois, que garante que todos teñan os mesmos dereitos independentemente do lugar no que vivan.

Tamén amosaron o seu compromiso con outro reto que comparte o noroeste español, que é o problema demográfico. As tres comunidades padecemos o problema demográfico, polo que cómpre unirnos para poñer este desafío na axenda política nacional e buscar solucións comúns.

Javier Fernández e Juan Vicente Herrera son, en definitiva, defensores do Estado das Autonomías porque comprenden que fortalece o Estado en lugar de debilitalo.

Ambos os dous recibirán o próximo 24 de xullo a Medalla de Ouro de Galicia en recoñecemento ao seu compromiso cos retos comúns do Noroeste español e a súa aposta pola lealdade institucional e o consenso. Grazas a eles, a que antepoñen os intereses xerais a calquera outro, o Noroeste español é hoxe máis forte.