Os prezos do marisco mantéñense estables polo momento


Os temporais condicionan a actividade pesqueira, pero non se está a notar especialmente nos mercados. Hai peixe e marisco dabondo nas prazas e a uns prezos que, a catro semanas da Noiteboa, apenas variaron nas últimas semanas. O prezo da centola e, en xeral, o do marisco mantense bastante estable. O quilo de lagostino, por exemplo, vendeuse a 60 euros e o das nécoras andou ao redor dos 45. No mercado coruñés da praza de Lugo o camarón máis grande pagouse este sábado a noventa euros o quilo. Boa parte do que se leva vendido en novembro está nos conxeladores, reservado para o Nadal. As expectativas das peixeiras para as festas son boas porque a escalada de prezos aínda está por chegar.