A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou -na clausura da terceira edición do programa Mentoring de apoio ao emprego autónomo- que a vindeira semana se convocarán as axudas do Xempre Autónomo e Bono Autónomo, dúas iniciativas que cun investimento de 20 millóns de euros poderán beneficiar, segundo as estimacións da Xunta, a uns 7.000 persoas traballadoras por conta propia.
Xempre Autónomo (12 millóns) son apoios de ata 10.000 euros ás novas altas para impulsar o inicio de actividade e o Bono (8 millóns) financia con ata 3.000 euros investimentos para a mellora da competitividade dos negocios.
Lorenzana explicou que estes dous programas forman parte do orzamento global que a Consellería destinará este ano ao traballo autónomo, case 57 millóns de euros entre os que se inclúen os 30 millóns do Impacto Autónomo ou os 250.000 euros que se destinarán á 4ª edición do Mentoring, que desenvolven a Xunta e a Fundación Ronsel. En palabras da titular de Promoción do Emprego, a iniciativa reeditarase ante os bos resultados acadados na 3ª edición: contou con 50 mentores e participaron 219 profesionais en proceso de adaptar ou transformar os seus negocios ás necesidades do mercado, acadadando en moitos casos unha mellora da competitividade.