Multados con 5.000 euros os propietarios do secadoiro de congro artesanal de Muxía

Imaxe de arquivo do alcalde, Iago Toba (esquerda), con Juan Diz_Cedida

  • Para o goberno local a solución pasa por converter o espazo nun centro de interpretación.

Este martes coñecíase que Miguel Diz, propietario dun dos secadoiros de congro artesanais de Muxía, deberá aboar unha multa de 5.001 euros por incumprir a normativa de seguridade alimentaria. Tras coñeccer esta nova o rexedor, Iago Toba, reuniuse coa familia afectada para buscar unha solución e a do grupo de goberno pasa por converter o espazo nun lugar divulgativo, nun centro de interpretación destinado a «dar a coñecer esta ancestral técnica tanto á veciñanza como aos turistas». Unha iniciativa que o equipo de goberno elevará ao pleno na próxima sesión.

Este acordo «permitiría a subsistencia desta empresa ao tempo que declararía o secadoiro como un ben inmaterial», afirma Toba, quen sinala que esta idea xorde «ante a inacción política do Partido Popular a nivel local e autonómico» a pesar de que tanto a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, como o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, amosaran sempre boa vontade para acadar unha solución. «Os feitos son os que son e nós non podemos quedar quedos», sentenza o alcalde.

Toba tamén critica a «irresponsabilidade política» do PP local por prometer en innumerables ocasións elevar a petición dunha medida cautelar para protexer os secadeiros de congro conseguindo un resultado «totalmente oposto». «Novamente ponse de relevancia que son só anuncios políticos, non hai vontade institucional por resolver un problema que vai máis alá das nosas fronteiras: o secado do congro é un emblema de Galicia e non podemos permitir que se vilipendie con promesas baleiras», conclúe o rexedor.

Por outra banda, o alcalde adiantou que, de cara o futuro, se analizará a viabilidade da xestión deste secadoiro a través de permisos e concesións para, gradualmente, converterse nun centro museístico máis centrado na tradición que na produción.