Os rapaces do Horto Infantil Ecolóxico Municipal de Carballo convidan á xente a ir mercar á Pequefeira

  • Alumnado de todos os colexios e dos obradoiros que se desenvolven nas instalacións da rúa Nardos amosará este venres 31 a primeira colleita
  • Últimos días para inscribirse nos obradoiros de verán en Carballo

Este venres 31 de maio celebrarase a Pequefeira do Horto Infantil Ecolóxico Municipal en Carballo. A rapazada que estivo a participar ao longo do curso nos obradoiros que se desenvolven nos centros escolares e nas instalacións municipais da rúa Nardos compartirán coa veciñanza os produtos da primeira colleita. Leitugas, remolachas, alletes, cebolas, acelgas, herbas aromáticas e algunha que outra sorpresa formarán parte da oferta.

A Pequefeira terá lugar na praza do Concello e os postos estarán instalados debaixo dunha carpa. O mercado será inaugurado ás 11.00 horas polo alcalde en funcións, Evencio Ferrero, e permanecerá aberto ata as 12.30.

Con esta iniciativa remata o proxecto escolar por este ano, aínda que no Horto Infantil Ecolóxico Municipal non cesa a actividade, xa que están preparando os obradoiros do verán e tamén do ano que vén. O prazo de inscrición está aberto ata o día 30 deste mes.

Obradoiros de verán
Esta actividade vai dirixida a nenas e nenos que durante o curso 2018-19 cursaron Educación Primaria ou segundo ciclo de Educación Infantil. Poderán participar aqueles/as que estean escolarizados/as ou empadroados/as no Concello de Carballo así como os cativos/as que durante as vacacións escolares queden ao coidado dun familiar directo en Carballo. Os obradoiros de verán levaranse a cabo de luns a venres, do 1 ao 31 de xullo e de 10:30 a 12:00 horas, nas seguintes quendas:
• Luns e xoves
• Martes e venres
• Mércores (4º de Educación Infantil)

Inscrición para o próximo curso
Para o curso 2019-2020 poderán participar todos os nenos e nenas que estean escolarizados/as ou empadroados/as en carballo e que cursen Educación Primaria ou segundo ciclo de Educación Infantil. Os obradoiros desenvolveranse de luns a venres, de 17:30 a 19:00 horas, do 16 de setembro ao 12 xuño en tres quendas:
• Luns e xoves.
• Martes e venres
• Mércores (4º de Educación Infantil)

Os alumnos/as de 4º de Educación Infantil comezarán o obradoiro o mércores 4 de marzo coa fin de non interferir no proceso de adaptación escolar.

Entrega de solicitudes
As solicitudes de inscrición para calquera dos obradoiros poden presentarse ata o 30 de maio, a través do Rexistro Municipal presentando, debidamente cuberto, o modelo que xa se pode descargar ao final desta nova ou recoller no Museo de Bergantiños de 11 a 14 horas, así como nas instalacións da rúa Nardos, de 17:00 a 19:30 horas. As solicitudes atenderanse por rigorosa orde de inscrición. No caso de cubrirse todas as prazas, elaborarase unha lista de agarda para cubrir posibles baixas. Tanto nos obradoiros do verán como nos do vindeiro curso, as familias poderán escoller a quenda que prefiran ata cubrir o máximo de 25 prazas, agás no caso do alumnado de 4º de Infantil que irá obrigatoriamente ao obradoiro específico do mércores cun máximo de 15 prazas.

Todas as actividades organizadas no Horto Infantil Ecolóxico son gratuítas.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha