- Son auténticos devoradores de libros (ollo! non no sentido literal), e grandes amigos da cativada.
Nos últimos dous meses acompañaron aos peques de 4 e 5 anos de todos os coles carballeses que participaron nas visitas guiadas á biblioteca organizadas pola Concellaría de Cultura. As últimas, nas que estivo o alumnado do Artai, Gándara-Sofán e CRA Ponte da Pedra, celebráronse o luns e o martes desta semana. E onte mércores os ratiños volveron a asomar os seus narices bigotudos para iniciar as funcións quincenais que ofrecerán ata o 29 de abril, neste caso dirixidas a nenos e nenas de 3 a 8 anos, e de balde.
Nesta ocasión recibiuse a visita de Fuco e Faifá, que lle deron a volta a un conto clásico para rachar con estereotipos de xénero a través da dramatización de “O ratiño presumido”, para o cal contaron coa axuda de algúns papás e algunhas mamás e, sobre todo, da rapazada.
Os Ratiños de Lonxedetodo volverán a saír do seu agocho o día 27 para ofrecer o espectáculo “Queremos a paz!”. Os convites poderán recollerse dende o mércores anterior, o mesmo sistema que se utilizará para as seguintes funcións, que serán todas estas:
- 11 de decembro, “O caracol namorado”
- 15 de xaneiro, “Querida ovella negra”
- 29 de xaneiro, “Riciños de ouro”
- 12 de febreiro, “O coelliño branco”
- 26 de febreiro, “O Entroido dos ratos”
- 11 de marzo, “O galo engancha”
- 25 de marzo, “Adeus avó, sempre te quererei!”
- 15 de abril, “Os sete cabritos e o lobo”
- 29 de abril, “Fábulas”