Os “Ratos de Lonxedetodo” apúntanse ao “streaming” para acompañar aos nenos de Carballo

Os Ratos de Lonxedetodo_Concello de Carballo

  • As funcións presenciais contarán cun aforo moi limitado e cun protocolo de seguridade

Os “Ratos de Lonxedetodo” chegaron esta semana á Biblioteca Rego da Balsa de Carballo cargados de historias. Como debido á situación sanitaria actual non é posible que estes personaxes, creados pola compañía Trinketrinke Teatro, se acheguen a todos os cativos da localidade, actuarán tamén por streaming, é dicir, de xeito virtual.

As retransmisións en directo realizaranse a través das canles de YouTube do Concello de Carballo e da Biblioteca Rego da Balsa, así coma das páxinas de Facebook de Bibliotecas, Cultura e Concello de Carballo.

Sen embargo, a modalidade presencial seguirá sendo posible. As funcións serán igualmente no auditorio da biblioteca, pero cun aforo moi reducido e cun protocolo de seguridade.

Poderán asistir nenos e nenas de 5, 6 e 7 anos e unha persoa adulta por cada grupo de conviventes. As reservas realizaranse exclusivamente por teléfono no 981 758 580 dende o mércores anterior a cada función.

Os “Ratos de Lonxedetodo” ofrecerán, ata o mes de maio, dúas sesións de cada espectáculo: ás 17:00 e ás 18:30 horas. O primeiro, “Aprendendo a querer”, foi este mércores, pero o próximo 2 de decembro tocaralle o turno á “Contos para protexer á infancia dos abusos sexuais”.