Os «Ratos de Lonxedetodo» regresaron a Carballo por todo o alto

1 minutes read
  • As funcións, que tamén se poden ver a través das redes sociais do Concello, continuarán ata xuño

Os «Ratos de Lonxedetodo» regresaron esta semana á Biblioteca Rego da Balsa de Carballo cun espectáculo que espertou as gargalladas da rapazada, e tamén do público adulto, que se achegou ata o lugar ou que optou por ver a actuación en directo a través das redes sociais do Concello de Carballo e da propia biblioteca. Os simpáticos Fuco e Pillo meteron ao público no peto con “Ovos, letras e galiñas”, unha historia moi divertida na que, como é habitual nos espectáculos da compañía do TrinkeTrinke, non faltou a música.

Debido ao protocolo especial establecido para as funcións presenciais e á limitación do aforo, ás funcións na Biblioteca Rego da Balsa poden asistir nenos e nenas de de 5, 6 e 7 anos e unha persoa adulta por cada grupo de conviventes. As reservas para ver as actuacións en directo realízanse exclusivamente por teléfono, no 981 758 580, dende o mércores anterior a cada función.

Os «Ratos de Lonxedetodo» ofrecerán dúas sesións de cada espectáculo, ás 17:00 e ás 18:30 horas:
• 17 de marzo: “O coelliño branco»
• 31 de marzo: “Paxariños”
• 14 de abril: “Contos para andar o camiño”
• 28 de abril: “Lonxedetodo en festas!”
• 12 de maio: “Os ratiños da caixa”
• 26 de maio: “Viaxe a África”