Os Ratos de Lonxedetodo volven ás bibliotecas de Carballo con novas historias

3 minutes read

A Biblioteca Rego da Balsa retomará o mércores 14 de outubro unha das actividades infantís máis consolidadas e mellor acollidas, cun calendario de espectáculos que continuará, como é habitual, cada quince días ata final de curso.

A compañía TrinkeTrinke utiliza o teatro como ferramenta de animación á lectura. Os seus protagonistas, os Ratos de Lonxedetodo, proceden dun lugar no que os libros e a lectura ocupan un lugar central na vida da comunidade. O obxectivo é promover a lectura e o gusto pola literatura, ao tempo que se estimulan a sensibilidade, a imaxinación, a creatividade e o espírito crítico das crianzas. Os libros serven, ademais, como ferramenta para comprender conflitos e situacións da vida cotiá.

Propostas ata fin de ano:

  • 14 de outubro – Unhas botas misteriosas. O rato Fuco e o seu irmán Pillo atopan na biblioteca unhas misteriosas botas e pregúntanse se serán as famosas botas de sete leguas do ogro do conto de Polgariño. Para saír de dúbidas, deciden probalas. A sesión inclúe distintas versións de Polgariño, de Charles Perrault, e ¡Pato! ¡Conejo!, de Amy Krouse Rosenthal.
  • 28 de outubro – O cole de Lonxedetodo. A ratiña Faifá lembra o seu primeiro día na escola, o medo que tivo que vencer ao separarse da súa nai e como, co paso dos días, foi descubrindo unha chea de actividades gratificantes. A proposta incorpora os contos Matías dibuja el sol e As tres curuxiñas.
  • 11 de novembro – Adeus avó, sempre te quererei! Fuco recibe da súa amiga Faifá a noticia do falecemento do seu avó. O espectáculo aborda a morte desde a mirada infantil e parte da idea de que evitar ou converter este tema nun tabú pode xerar angustia nas crianzas. A sesión foi elaborada coa colaboración do equipo de psicólogas do Programa para a Atención Integral para as persoas con Enfermidades Avanzadas da Cruz Vermella da Coruña.
  • 25 de novembro – A vida na selva. Fuco regresa dunha viaxe pola selva e conta que alí observou con desagrado como impera a lei do máis forte e como o rei, o león, fai o que lle peta. Unha situación que lle parece inaceptable e que serve de punto de partida para os contos El león que no sabía escribir e Elmer.
  • 9 de decembro – Unha praia particular. Como en Lonxedetodo non para de chover, a imaxinativa Faifá decide montar unha praia particular… dentro da biblioteca. A sesión inclúe Ola, ola, la!, con texto de Gloria Sánchez, El hombrecillo de la lluvia, de Gianni Rodari, e La ola, de Suzy Lee.
  • 23 de decembro – Contos de Perrault. Os Ratos de Lonxedetodo revisitan algúns dos contos de Charles Perrault, autor e compilador de historias tan presentes no imaxinario colectivo como Carapuchiña Vermella, A Cincenta, A Bela Dormente ou Polgariño. Pero fano desde unha perspectiva do século XXI: coa axuda do público representarán O Cincento, unha versión propia e igualitaria do conto de Perrault.

Todos os espectáculos están dirixidos a nenos e nenas de 4 a 8 anos e contarán con dúas sesións, ás 17.30 e ás 18.30 horas. As reservas poderán realizarse a través da páxina web municipal, carballo.gal, na sección de Axenda, onde se irá publicando a información correspondente a cada actividade.

A cita do 23 de decembro pechará a programación deste ano, pero non a tempada. Os Ratos de Lonxedetodo regresarán en xaneiro e continuarán visitando as bibliotecas de Carballo cada quince días ata final de curso, mantendo unha proposta xa habitual para moitas familias e reforzando o papel das bibliotecas como espazos de encontro coa lectura, o teatro e a imaxinación.