No Concello de Vimianzo xa está todo listo para un dos días máis máxicos do ano. Este venres, 5 de xaneiro, o municipio recibirá a visita dos Reis Magos de Oriente, que farán un percorrido polas 14 parroquias do municipio. A ruta dará comezo ás 10:o0 horas na residencia de maiores DomusVi, desde onde se desprazarán ata o salón parroquial de Salto (10:30 h). As seguintes paradas, que serán de 30 minutos, serán a escola de Bamiro (11:00 h), a de Tines (11:30 h), a igrexa de Treos (12:00 h), a praza de Serramo (12:30 h) e a praza do Outeiro de Baíñas (13:00 horas). A quenda da tarde comezará ás 15:30 horas na Igrexa de Castrelo, continuando coa visita á igrexa de Berdoias (16:00 h), á praza de San Cristovo de Carnés (16:30 h), á praza da igrexa de Cereixo (17:00 h), á escola de Carantoña (17:30 h), á escola de Pasarela de Calo (18:00 h) e á igrexa de Cambeda (18:30 h). A cabalgata finalizará cun percorrido polas rúas de Vimianzo, a partir das 19:00 horas, e coa recepción real na praza do Concello, programada para as 20:00 horas. Desde o Concello aseguran que se trata dunha iniciativa única coa que se achega a maxia e ilusión destas datas a toda a veciñanza “é unha oportunidade para xuntarnos todos e todas, independentemente da idade que teñamos, e compartir un momento especial”.
Directamente desde Oriente, os Reis Magos chegarán a Carballo o día 5 pola tarde para recibir as peticións dos nenos e nenas e para poder descansar antes da longa noite de reparto de agasallos que teñen por diante. Un amplo equipo integrado por persoal das áreas de Cultura, Policía Local, Protección Civil e Brigada de Obras está a traballar para telo todo a punto: as carrozas, a carpa da Praza do Concello, os tronos… E tamén contan coa colaboración do Grupo Dimolk, que cede os vehículos para transportar as carrozas, e do Centro Comercial Bergantiños-Gadis Híper, que achega 600 quilos de caramelos, e onde estará instalado, ademais, o punto de saída da cabalgata. A chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar está prevista para as 17.00 horas. Un cuarto de hora despois, escoltados pola Policia Local e Protección Civil, iniciarán o percorrido polas rúas de Carballo: Perú, Ponte da Pedra, Malpica, Pedra Furada, Mirtos, Fábrica, Av. das Flores, Rosas, Begonias, Camelias, Xasmíns, A Cristina, Poñente, Luís Calvo, Castelao, Alexandre Bóveda, Fisterra, Río Anllóns, Milagrosa (parada no centro social Escola de Arrabaldes), Rúa Sol, Martín Herrera (parada na igrexa), Jacinto Amigo, Gran Vía, Dr. Fleming, Av. Bergantiños, Vila de Ordes, Gran Vía, Vázquez de Parga, Emilia Pardo Bazán, Ponte da Pedra, Pontevedra, Avilés de Taramancos, Ánxel Fole, Valle-Inclán e Colón. En total, algo menos de oito quilómetros. A chegada á Praza do Concello está prevista entre as 19.30 e as 20.00 horas, pero se queres saber por onde vai en cada momento a comitiva real só tes que conectarte a www.carballoenrede.com. Na carpa da Praza do Concello a animación xa empezará ás 18.45 horas coa música de Picadiscos Marifaltri, que farán cantar e bailar aos nenos e nenas ata a chegada da cabalgata. Os Reis Magos serán recibidos polo alcalde, e posteriormente recibirán na casa do concello aos nenos e nenas, que poderán entregarlles aínda as súas cartas ou depositalas na caixa de correos real situada na entrada.
Os Reis Magos visitarán un ano máis Mazaricos para pórlle o broche á programación de Nadal do Concello cunha tarde de ilusión, cor e maxia polas rúas da Picota. Melchor, Gaspar e Baltasar presidirán a Gran Tractorada de Reis que partirá do recinto feiral ás 17h do vindeiro venres 5. Utilizarán, un ano máis, tractores nesta particular cabalgata como un modo de homenaxear e reivindicar o carácter rural de Mazaricos. Ao remate, o recinto feiral acollerá unha recepción real con reparto de agasallos a cargo dos Reis Magos e as e os seus axudantes e chocolatada. Esta Gran Tractorada de Reis pon fin a unha programación de Nadal onde volveron brillar eventos consolidados como a Carreira do Leite e o Brinde Leiteiro.
Este venres, 5 de xaneiro, os Reis Magos entrarán a Galicia polo mar de Camariñas a bordo do barco ‘Mar de Grecia’, que foi o que levou á Virxe do Carme este verán, para empezar un percorrido que os levará por todas as parroquias do municipio a bordo da súa maxestosa carroza. A súa chegada á Lonxa Vella, onde serán recibidos pola alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, está prevista para as 11:30 horas. Desde aí comezarán o seu itinerario, que os levará por Arou, Camelle, A Ponte do Porto, Xaviña e Camariñas. Pode que non caiban polas rúas máis estreitas, recibámolos como se merecen nas prazas. Ao remate do traxecto, no pavillón Víctor Vigo, ao redor das 19 horas, atenderán nos seus tronos as últimas peticións dos máis pequenos. Alí, a tarde estará amenizada cunha gran festa infantil que comezará a partir das 18:00 horas. En todas as recepcións reais haberá chocolatada e roscón e nas de Camelle e Arou a asociación A Folja da Faneca encargarase de facer miniroscóns e repartilos entre os nenos e nenas, que poderán subir á carroza en todas as paradas para saudar e falar cos Reis Magos.
Dous días necesitarán as SS. MM. Os Reis Magos de Oriente para percorrer os cerca de 100 núcleos de poboación do concello de Zas. Segundo as previsións, Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ao Concello de Zas este xoves e tras unha breve recepción na Casa do Concello iniciarán o seu itinerario acompañados dos seus paxes, dunhas coloridas carrozas e do Alcalde de Zas, Manuel Muíño. Durante o percorrido entregaranlle un pequeno agasallo a todos aqueles veciños e veciñas cos que se atopen.
Logo do inicio do 2024, os Reis Magos de Oriente programan o seu particular percorrido polas parroquias de Cabana de Bergantiños. Realizarano tanto o venres 5, como sábado, día 6 de xaneiro, cunha parada o día 5 nas instalacións do pavillón municipal a partir das 19:00 horas para recibir aos nenos e nenas. En canto á recepción real do día 5, a rapazada poderá acceder ao recinto do pavillón municipal a partir das 17:00 horas, onde dispoñerán de inchables, obradoiros e outras sorpresas. Os Reis Magos chegarán ás instalacións a partir das 19:00 horas.
O Concello de Muxía sacará desde o venres ás rúas do municipio unha espectacular carroza de Reis que percorrerá máis de 150 quilómetros ao seu paso por todas as parroquias do municipio. A cabalgata estará máis de 10 horas de viaxe, partirá ás 10:00 horas desde Agreiras para facer ruta por todos os lugares do concello. O percorrido real chegará de volta ao núcleo de Muxía sobre as 19:30 horas, onde realizará unha parada no Paseo Marítimo. Unha hora máis tarde, sobre as 20:15 horas chegará á Sala da Camposa, onde se levará a cabo a recepción real.