O funeral polas vítimas do coronavirus organizado pola Conferencia Episcopal reuniu na catedral da Almudena de Madrid os reis, as súas fillas, representantes de todas as institucións, líderes políticos e familiares de quen perdeu a vida por mor da pandemia.
Unha representación ao máis alto nivel na maioría dos casos a pesar de que o funeral non tiña carácter de Estado, xa que o acto civil que terá esta condición en recordo das case 30.000 vítimas e en homenaxe de quen loitou en primeira liña contra a COVID-19, celebrarase o próximo 16 de xullo no Patio da Armería do Palacio Real.
A Conferencia Episcopal impulsou a misa na Almudena coincidindo coa reunión que a partir deste luns mantén a súa Comisión Permanente, e a cerimonia foi presidida polo cardeal Carlos Osoro, arcebispo de Madrid, e concelebrada por un total de 35 bispos.
Felipe VI, dona Letizia, a princesa Leonor e a infanta Sofía (todos eles vestidos de loito) foron recibidos polas autoridades civís asistentes e, xa na porta do templo, por Osoro e o cardeal Juan José Omella, presidente da Conferencia Episcopal. Esta foi a primeira ocasión en que a herdeira da Coroa e a súa irmá asisten a un funeral de carácter institucional.
Ao final da celebración, o bispo de Ávila, José María Gil, ingresado durante máis dun mes a causa do coronavirus, leu ante a imaxe da nosa Señora da Almudena a oración composta polo papa Francisco para este tempo de pandemia.