- No desfile celebrado en Madrid participaron 3.850 homes e 530 mulleres, nun percorrido que comezou en Atocha e ata Colón.
As principais rúas da capital española espertaron este luns 12 de outubro engalanadas con bandeiras de España. Así mesmo, os autobuses da capital portaron bandeiras de menor tamaño nos retrovisores. Ante a fonte de Neptuno tamén estaba xa preparada desde primeira hora da mañá a tribuna desde a que a familia real ao completo presidiu o desfile militar polo Día da Festa Nacional. Felipe VI e Letizia chegaron xunto ás súas fillas, a princesa Leonor e a infanta Sofía. O xefe do Estado portou o uniforme de capitán xeral dos exércitos, mentres que a princesa Leonor vestiu o informe de gala do Exército de Terra. Á súa chegada, recibíronos o presidente do Goberno, Pedro Sánchez; tamén se atopaban a ministra de Defensa, Margarita Robles, e o Xefe do Estado Maior da Defensa (JEMAD), Teodoro Esteban López Calderón. Os únicos presidentes autonómicos que non asistiron foron o andaluz Juanma Moreno por atoparse en Bruxelas, a navarra María Chivite por motivos persoais e o basco Imanol Pradales (nos últimos anos ningún lehendakari estivo no desfile militar). Máis de 4.000 efectivos das Forzas Armadas, a Policía Nacional, a Garda Civil e outras institucións como Protección Civil participaron no desfile que, como é tradición xa nestes últimos anos, arrincaba en Atocha, percorreu o paseo do Prado ata a praza de Colón cunha duración de preto de dúas horas. Pasadas as 13.30 horas, a familia real accedeu ao Salón do Trono do Palacio Real de Madrid onde protagonizaron o tradicional besamanos con representantes dos poderes do Estado, do exército, embaixadores e membros da sociedade civil.
