Os restos mortais do artista coruñés Francisco Miguel, asasinado polo franquismo, xa descansan en San Amaro

O concello da Coruña acolleu este luns o acto de de entrega dos restos de Francisco Miguel, asasinado polo fascismo e enterrado nunha fosa en Bértoa (Carballo), á súa familia. A deputada de dereitos civís, Soledad Agra participou na homenaxe, xunto á alcaldesa da Coruña, Inés Rey; o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o presidente da Asociación pola Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), Emilio Silva, así como familiares de Francisco Miguel.

«Francisco Miguel regresa á súa cidade como memoria viva, como símbolo da Coruña fronte á barbarie, fronte ao odio fascista que, por desgraza, segue a asomar en diferentes partes do mundo, e que debemos combater cada día, con firmeza e convicción, cara a un futuro mellor», sinalou Inés Rey. «A memoria é xustiza restitutiva, a cultura é democracia e progreso, e a verdade nunca poderá ser soterrada de maneira definitiva», engadiu a alcaldesa, que agradeceu a presenza en María Pita dos alcaldes de Carballo e Oleiros, Evencio Ferrero e Ángel García Seoane.

Este homenaxe enmárcase dentro das actividades xa iniciadas coa inauguración, a comezos de mes, da exposición dos debuxos do artista na Casa Museo Casares Quiroga. Conta coa colaboración da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), a Asociación Cultural Alexandre Bóveda (ACAB), así como doutras asociacións e entidades da cidade, do grupo de investigación sobre a súa vida e obra, da escritora Syra Alonso e da Deputación da Coruña, que promove tamén charlas arredor da figura de Francisco Miguel e de Syra Alonso.

Francisco Miguel naceu na Coruña en 1897. Foi pintor, ilustrador, crítico de arte e libreiro, cunha traxectoria vencellada á vida cultural da cidade e aos movementos artísticos europeos e americanos. Entre 1921 e 1933 residiu en París, Cuba e México, onde mantivo relación con figuras como Diego Rivera, Frida Kahlo e David Alfaro Siqueiros. De regreso a Galicia, asentouse en Oleiros, onde foi detido e asasinado o 29 de setembro de 1936 en Queo de Arriba (Carballo).

A cerimonia celebrada en San Amaro contou coa participación da Banda Municipal de Música da Coruña, que interpretou obras de compositores galegos como Marcial del Adalid, Juan Montes, Andrés Gaos e Chané, así como unha peza de Edward Elgar. Tamén tivo lugar unha ofrenda simbólica de cunchas de viraventos. A homenaxe contou coa presenza de familiares do artista, desprazados desde México para recibir os seus restos.

Related posts

Trump logra a aceptación de Netanyahu ao seu plan de paz para Gaza

Un xuíz imputa a Bartomeu, por pago de comisións en fichaxes, tras unha denuncia de Laporta

A Laracha comezará en breve a execución do proxecto de mellora da estrada no núcleo do Cruceiro de Lestón