Os retos dun novo modelo cultural postcovid, a debate este mércores en Boiro


O desafío de construír o modelo cultural postpandemia e de camiñar cara un sistema máis sustentable a nivel social, ambiental e económico será o eixe central da xornada “Cultura Sustentable, o reto postcovid”. Trátase da última xornada deste ano no marco do programa “A Cultura é un Dereito”, que organiza a área de Cultura da Deputación da Coruña co obxectivo de abrir un marco formal de reflexión ligado ao momento de crise aberto tras a aparición da pandemia e atendendo tanto ás necesidades detectadas no sector como a novas demandas da sociedade.

Así, a xornada “Cultura Sustentable, o reto postcovid” terá lugar este mércores 1 de decembro no Centro Social de Boiro e dará comezo ás 16h da man do deputado de Cultura, Xurxo Couto, e do comisario da xornada e técnico cultural, Alberto García. Ambos abordarán a dimensión sustentable da cultura partindo da necesidade de reformular as formas de traballar, tendo presente que a cultura ademais dun recurso económico é un dereito cidadán e que, ademais, debe atender cuestións como o marco da axenda 2030 ou as características e potencialidades propias do sistema cultural galego.