Os robots cirúrxicos incorporados á sanidade pública roldan as 2.500 intervencións

1 minutes read

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; inaugurou esta tarde a LVXI Reunión da Sociedade de Cirurxía de Galicia, un acto no que destacou que os robots cirúrxicos ‘Da Vinci’, adquiridos para a sanidade pública galega, roldarán as 2.500 intervencións realizadas antes de que remate o presente ano. Durante a súa intervención agradeceu aos cirurxiáns galegos o seu papel na introdución desta nova tecnoloxía no Servizo Galego de Saúde. Así, apuntou que na actualidade, o Sergas conta con 60 titores, máis de 80 cirurxiáns de consola acreditados, e que supera o cento de cirurxiáns asistentes.

Destacou o carácter innovador que supuxo a chegada dos robots Da Vinci á sanidade galega. Entre as vantaxes máis salientables dos Da Vinci destaca a súa maior precisión cirúrxica, a posibilidade de acceder a zonas complexas, contar cunha excelente visualización e unha maior precisión nos movementos. En canto aos hospitais, as melloras proporcionadas por este equipamento tradúcense na realización dun menor número de transfusións, menor tempo operatorio, menor estancia media dos doentes nos centros sanitarios, e menor número de complicacións intraoperatorias e post operatorias.