A Xunta de Goberno da Deputación da Coruña reuniuse este luns de forma extraordinaria e urxente para adoptar novas medidas de contención ante a crise sanitaria do Covid-19.
Na reunión, presidida polo titular da institución provincial, Valentín González Formoso, informouse da situación tras as medidas adoptadas nos últimos días, que incluíron o peche dos centros educativos, culturais e etnográficos dependentes da Deputación e a implantación de protocolos e do teletraballo para limitar ao mínimo imprescincible a presenza física do funcionariado na sede da institución, agás os servizos esenciais e persoal directivo.
Na reunión decidiuse que os servizos de atención ao público da Deputación funcionarán só por medios telefónicos e telemáticos, co fin de evitar situacións de risco de contaxio para a cidadanía.