Os servizos de autobús entre a Coruña e Oleiros contarán cun reforzo desde este luns

Foto.- Cedida.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade reforza a partir deste luns, día 5 de xullo, os servizos de autobús entre A Coruña e Oleiros con 56 conexións semanais ás praias de Santa Cristina e Bastiagueiro.

A entrada en funcionamento da nova liña de autobús especial praias, que permanecerá en servizo ata o 31 de agosto, contará con 56 servizos semanais desde cada cabeceira, 8 ao día todos os días da semana, incluídos os festivos.

A nova liña de autobuses achegará aos viaxeiros da Coruña ata a praia de Santa Cristina, con parada na avenida de Santa Cristina, moi próxima ao areal, para evitar desprazamentos a pé desde a avenida Ernesto Che Guevara. Así mesmo, a liña continúa ata a parada das Covas, desde onde os usuarios teñen un cómodo aceso á praia de Bastiagueiro.

O percorrido realizado polo novo servizo especial praias conectará tamén aos veciños de Oleiros con estes areais, ofrecendo un novo servizo, xa que Oleiros non conta na actualidade con conexión directa coa súa costa. Nestes novos servizos os mozos menores de 21 anos poderán viaxar de forma gratuíta empregando a tarxeta Xente Nova.

A oferta horaria do autobús abarca desde as 13:15 horas ata as 20:15 desde Entrexardíns; e desde as 13:30 horas ata as 20:30 desde Oleiros, cun servizo cada hora desde ambas as cabeceiras.