Os sindicatos CIG, CCOO, CSIF e UXT presentaron unha denuncia ante Inspección de Traballo contra a Consellería do Medio Rural por supostas vulneracións do dereito á folga do persoal técnico dos servizos contra incendios. Este persoal permanece de folga indefinida desde o pasado 1 de agosto para reclamar «melloras organizativas, técnicas e humanas», así como un novo acordo de condicións de traballo, segundo detallan as organizacións denunciantes, que acusan o departamento autonómico de «reprimir e boicotear brutalmente» os paros.
Afirman que a consellería que dirixe en funcións José González decretou uns servizos mínimos «abusivos, superando o 90% do cadro persoal». Ademais, aseguran que Medio Rural vai contra o persoal «que apoia a folga» a pesar de non poder secundala por estar en servizos mínimos a través de descontos da súa nómina de «cantidades importantes» e «mesmo se lles convida a abandonar o apoio e xustificar traballos para recuperar parte dos subtraído ilegalmente».
Neste sentido, tachan a actitude da consellería de «esquirolismo patronal» que, segundo sosteñen os sindicatos, «vai a máis» a pesar de ser denunciada publicamente a través dos medios de comunicación. «Esta situación esperpéntica constitúe unha grave agresión ao dereito fundamental das persoas traballadoras á folga polo que denunciamos e solicitamos que a autoridade laboral pare o acoso ao persoal, restitúa o dereito á folga e repare o dano económico e moral producido», engaden as centrais sindicais.