Os socialistas da Laracha repasan nun boletín o seu traballo neste último mandato municipal

1 minutes read

O boletín recolle un resumo das accións e iniciativas rexistradas no concello polo Grupo Municipal Socialista da Laracha e a súa portavoz, Palomi Rodríguez, sempre coa finalidade de “mellorar a vida da xente”.
A emenda á totalidade presentada aos orzamentos municipais por non “axustarse á realidade económica e social”, as mocións e preguntas formuladas en pleno en torno ás necesidades das diferentes parroquias en eidos tan fundamentais como o estado das estradas, a obriga de reforzar a seguridade viaria en varios puntos do concello, os
aumentos abusivos no recibo da luz ou o mal estado do parque infantil na Urbanización Monte Claro, son algúns dos temas que se recollen neste boletín.
Os socialistas da Laracha reforzan o seu compromiso de escoitar e poñer solución ás demandas da veciñanza, cuestións xa denunciadas e aínda sen solución por parte do goberno municipal.
“Traballamos a diario para presentarlles aos nosos veciños e veciñas o proxecto progresista e socialista que necesita A Laracha”, engade Palomi Rodríguez, que suma a publicación deste Boletín Informativo ás outras vías de comunicación xa abertas coa veciñanza, como son a apertura da oficina (situada na rúa Epifanio Campo n.º 12 baixo) todos os domingos (de 12:00 a 13:30 horas) e a liña de whatsapp (636 439 962) a través dos cales se poderán compartir informacións, queixas e suxestións. “Queremos que a veciñanza saiba que pode contar co Partido Socialista de Laracha”, remata a candidata socialista á alcaldía.