O voceiro socialista e aspirante á alcaldía de Malpica, Walter Pardo, emitiu un comunicado no que carga duramente contra a xestión económica do que define coma o «Goberno da moción da vergonza», que de seguir por este camiño, levará ás arcas municipais a unha situación de quebra e á ruína máis absoluta, afirma.
«Cando os socialistas tiveron que marchar do goberno, porque o actual executivo os botara fóra grazas á primeira moción de censura da historia deste Concello, o remanente de tesourería ascendía a 3.000.000€. Cando fixeron a moción de censura motivarona coa inacción e a nefasta xestión do goberno do tripartito. Nomeáronse os salvadores do pobo e resulta que non só non salvaron nada senón que en dous anos gastaron máis de dous millóns e medio de euros do remanente”, indica Walter Pardo.
O candidato socialista puxo como exemplo disto, o gasto de máis de 11.000 euros no arranxo do antigo vehículo da Policía Local, de 30 anos de lonxevidade, o que a todas luces é un auténtico “despilfarro”. No último Pleno celebrado, o PSOE tamén preguntou pola factura dun “cambio de zapatas de freo do chimpín municipal” por valor de 1.735 euros.
Pardo lembra a importancia de «garantir o principio de transparencia e de atallar con premura unha situación que está a facer sangrar, sen parar, uns fondos imprescindibles para os tempos que veñen», conclúe.