Os socialistas de Vimianzo, dentro do seu programa electoral, proxectan a construción dunha nova Escola Infantil Municipal para favorecer os espazos de lecer e a conciliación para as familias, así como a ampliación da Vivenda Comunitaria en 12 prazas para convertela nun fogar social.
“Son dous dos puntos fundamentais do noso programa de goberno no eido social, sobre o que vertebrará practicamente toda a nosa liña de traballo”, anuncia Mónica Rodríguez, alcaldesa e candidata á relección.
Tendo en conta outros eidos como a formación, o emprego, o urbanismo ou a dinamización social, os últimos catro anos déronnos unha clase fundamental: temos que reforzar o social e priorizar a nosa xestión municipal, como así vimos facendo estes catro últimos anos, moi difíciles para todas e todos.
“Ademais, apostaremos fortemente por un servizo municipal de atención psicolóxica, incrementaremos as horas de atención e as partidas económicas para a conciliación e tamén o investimento para o Servizo de Axuda no Fogar”, indica Rodríguez, quen recalca “o gran traballo dos Servizos Sociais de Vimianzo no máis complexo da historia democrática do noso país” e daráselle continuidade a iniciativas como ‘Madrugadores’, os campamentos e tamén á igualdade, “o único camiño para acadar unha sociedade libre de violencias machistas”, finaliza a candidata á alcaldía, Mónica Rodríguez.