Os socialistas denuncian o ‘abandono continuado’ das necesidades educativas de Arteixo


O deputado socialista Martín Seco denunciou o “abandono continuado no tempo” da Xunta de Galicia e do Concello de Arteixo ante as demandas en materia educativa para o municipio. Fíxoo na Comisión de Educación do Parlamento, onde Seco criticou ao goberno galego pola súa “falla de compromiso” coa construción dun novo CEIP e dun novo IES en Arteixo.

No caso do colexio, trátase dunha necesidade que se remonta a hai máis de seis anos debido á “saturación” das instalacións educativas no concello e que agora xa é “unha emerxencia”.

Así, Martín Seco recordou que a Xunta “leva dando bandazos dende 2015”, cando o Grupo Socialista presentou unha iniciativa para construír novas dotacións educativas ante “os graves problemas de espazo” e “masificación” que se empezaban a detectar en diferentes centros.

O deputado do PSdeG  lembra que, en primeiro termo, o goberno galego e o PP criticaron esa petición socialista, pero logo pasaron a facela eles mesmos no ano 2017. De feito, o alcalde e o actual conselleiro de Educación chegaron a prometer a súa construción en diferentes ocasións, orzamentaron o proxecto durante varios anos sen executar a partida e incluso chegaron a anunciar varias veces a cesión dunha parcela para un novo CEIP.

En calquera caso, durante todo este tempo non se chegou a concretar “absolutamente nada”. Mentres tanto, medraba a situación de abandono, os problemas de saturación trasladábanse aos institutos e incrementábanse as deficiencias en persoal educativo e técnico en instalacións como, por exemplo, as do Manuel Murguía.

A última sorpresa chegaba, explica Martín Seco, cando onte mesmo, no pleno de aprobación dos orzamentos municipais, o alcalde de Arteixo aseguraba que “a construción do novo colexio xa non é prioritaria”.

Lonxe disto, Martín Seco recorda que “levamos dende o ano 2016 pedindo a construción de novas infraestruturas educativas en Arteixo” e que os motivos desa demanda continúan plenamente vixentes. Nesta liña, incide en que a situación de colapso que existía daquela nos colexios de Arteixo xa é tamén agora unha realidade nos institutos do municipio”.