Os socialistas reclámanlle á Xunta que garanta os paridoiros nos hospitais comarcais

Cedida.

  • Julio Torrado lembra que dous días antes de pechar Verín anunciaban no Parlamento a ampliación de servizos daquel hospital.

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle este mércores ao conselleiro de sanidade que garanta os paridoiros nos hospitais comarcais de Galicia. Torrado presentou unha pregunta oral no Pleno do Parlamento na que lembrou que dous días antes de pechar o de Verín anunciaban no Parlamento a ampliación de servizos naquel centro e sinalou que “ampliar servizos non é agrandar o cuarto de baño”.

O responsable socialista alertou da “inquedanza” que xerou o peche do servizo en Verín diante da “continua perda de servizos e profesionais” nos hospitais comarcais, co que “constatouse a súa intención de baleirar de servizos” aos hospitais de Verín, Valdeorras, Monforte, Burela, Cee, Ribeira e O Salnés. Torrado reivindicou a continuidade dun servizo “fundamental” para a sanidade pública ameazado polos recortes aplicados polo goberno galego.

Torrado advertiu que o criterio do baixo número de partos co que o goberno galego xustificou inicialmente o peche do paridoiro de Verín replícase no resto dos centros comarcais, e subliñou que “defendemos que se manteña” este servizo. Advertiu que este episodio “deixa claro o que queren facer cos paridoiros, e agora queda saber se aprenderon ou van facer o mesmo”.

Criterio subastable

O parlamentario socialista criticou a “conciencia subastable” que demostrou Feijóo ao apelar inicialmente a problemas de “conciencia” para pechar o paridoiro cando demostrou agora que si podía telo aberto.

Finalmente, reclamoulle ao conselleiro de Sanidade que explique se no resto de hospitais comarcais tamén pedirán o “consentimento informado reforzado” ás nais que queiran parir, tal e como anunciou Feijóo para Verín, que o conselleiro deixou sen responder. Deste xeito, dixo, “poderannos aclarar que é o que quería dicir o presidente da Xunta” ao anunciar este novo requisito.