Os terreos forestais próximos a vivendas deberán estar limpos antes do 31 de maio

Limpeza dun monte

O conselleiro do Medio Rural, José González, fixo un chamamento aos propietarios de terreos forestais para que realicen unha correcta limpeza das parcelas máis próximas ás vivendas antes do vindeiro 31 de maio. Unha vez chegada esta data que recolle a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a responsabilidade subsidiaria da xestión da biomasa preto das casas corresponde xa aos concellos aínda que, recalcou, a Xunta leva anos facendo un importante esforzo para apoiar aos consistorios neste cometido.

Para avanzar no obxectivo da anticipación aos incendios forestais, o titular de Medio Rural referiuse tamén á figura das iniciativas estratéxicas, que serán aqueles proxectos de mobilización de terras en faixas secundarias que, aínda que non cumpren os requisitos esixidos para converterse nunha aldea modelo por razóns que teñen que ver con elementos xeográficos, físicos ou técnicos, considérase de especial transcendencia a súa mobilización, co obxectivo prioritario de reducir o risco de lumes forestais.