O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, mantivo este martes un encontro con representantes de Unión de Taxis Galegos (Utaga), aos que anunciou que desde o 5 de xuño poderán solicitar a nova convocatoria de axudas da Xunta destinada ao pago das pólizas de seguros no sector dos taxis e á contratación de persoal asalariado como segunda persoa condutora. Terán de prazo ata o 30 de setembro e deberán presentar as solicitudes a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.
Diego Calvo sinalou que con esta orde, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, a Xunta destina 1 millón de euros para dar resposta ás demandas do sector ante o incremento dos prezos dos seguros nos últimos anos, chegando a duplicarse, e á necesidade de máis condutores para mellorar o servizo. Ademais, coa contratación de persoal asalariado contribuirase a unha mellor prestación do servizo e a satisfacer o aumento da demanda en Galicia, ao mesmo tempo que se xera emprego.
A orde conta con dúas liñas: unha de 840.000 euros cunha axuda de 240 euros por cada autorización para o pagamento das pólizas dos seguros e outra cun orzamento de 160.000 euros e un importe de 2.000 euros por axuda para a contratación dunha segunda persoa condutora, distinta ao titular da autorización, a xornada completa e con dedicación exclusiva.
As persoas interesadas poderán solicitar a axuda da liña dirixida ao pago dos seguros por cada unha das autorización das que sexan titulares, mentres que no caso das contratacións só se subvencionará un contrato por cada titular de autorización, aínda que a persoa solicitante sexa titular de varias autorizacións.
Tal e como lles explicou o conselleiro aos representantes de Utaga, pódense solicitar unha ou as dúas liñas da orde sempre que se cumpran os requisitos de que as autorizacións estean domiciliadas en Galicia e vixentes e activas na data de presentación de solicitudes e na de resolución de concesión das axudas.
A póliza do seguro ten que pagarse no período subvencionable entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, o mesmo no que deberán realizarse as contratacións dunha segunda persoa condutora.
Diego Calvo destacou o “diálogo directo, continuo e fluído” que a Xunta mantén coas asociacións que representan ao sector do taxi para coñecer a súa situación e dar resposta ás súas peticións con medidas como a nova liña de axudas.