A caravana de protesta ata Madrid sumáronse 120 transportistas, unha vintena de autobuses con 1.200 veciños das Pontes e varios coches particulares. Os traballadores de Endesa contaron co apoio das empresas auxiliares e dos transportistas do carbón que están sen traballar pola parada na actividade da térmica. Tamén se desprazaron á capital de España políticos locais e deputados de todos os partidos. Todos participaron na concentración diante do Congreso dos Deputados para reclamar que a transición ecolóxica dure máis tempo. Os representantes do comité de crise creado nas Pontes tras o anuncio do peche de Endesa reuníronse con representantes dos grupos políticos. A todos eles trasladáronlles a necesidade de que a transición enerxética sexa xusta. A maioría dos grupos están de acordo en que esa transición é inevitable, pero insisten en que o Goberno de Pedro Sánchez debe ofrecer solucións para a comarca.
39