Os traballos no nó dos Concheiros, en Santiago, suporán afeccións ao tráfico a partir do luns


Será necesario o corte do acceso de entrada á rúa do Home Santo desde o nó dos Concheiros. Isto implica mudar o sentido de circulación nesta rúa, á que se accederá desde a rotonda de Bombeiros, habilitándose a saída pola rúa Angustia cara á rúa Betanzos ou rúa do Rosario.
Esta afección é necesaria para actuar na zona pola que foi desviado o tráfico de baixada, no marco das obras de mellora e integración paisaxística do Camiño Francés á súa entrada en Compostela realizadas no nó dos Concheiros e na avenida de Lugo.
Adicionalmente, tamén desde este vindeiro luns, cortarase ao tráfico a entrada á rúa Altiboia, desde Fonte dos Concheiros, para executar os traballos de formigonado da citada zona, cunha duración estimada de 10 días.