Os traballos no xacemento de Proendos sacan á luz a superficie completa dun hórreo romano


Tátase dunha estrutura única no noroeste da Península Ibérica pola disposición dos seus muros paralelos. Así o comprobou o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita á actuación no concello de Sober.

Tal e como explicou o responsable autonómico de Cultura, esta intervención dá continuidade aos proxectos impulsados polo Goberno galego nos últimos anos para afondar nos valores culturais deste xacemento, co que o investimento da Administración autonómica se eleva xa por riba dos 83.000€. “O esforzo que estamos facendo para investigar neste xacemento ten recompensa e hoxe podemos coñecer con maior exactitude a importancia que xa tiña Sober na época romana”, salientou.

Neste senso, engadiu que os resultados desta escavación axudan a comprender como vivían as antigas civilizacións na nosa terra e cal foi a incidencia da súa pegada na realidade que hoxe coñecemos. “Os achados no xacemento de Proendos sitúan este xacemento como un lugar fundamental para comprender a chegada do imperio romano ao noroeste peninsular e a articulación da paisaxe agrícola da Ribeira Sacra”, expuxo.