As obras, iniciadas a finais de xuño, inclúen a renovación do firme, a mellora das beirarrúas, a adecuación de novas zonas de aparcadoiro, no entorno do hospital Teresa Herrera e da lavandería do Sergas. Estas actuacións contan cun investimento de 195.000 euros, e forman parte dun contrato maior que recolle actuacións de mellora nos accesos noutros hospitais públicos da provincia, como os de Santiago, Ferrol, Cee e o Barbanza, cun investimento global de 1 millón de euros. Con estas obras mellorarase o firme da vía que dá a volta ao hospital, actuando en todo o seu percorrido e intensificando o traballo nas zonas que presentan un maior deterioro. Ademais, tamén se mellorará o firme da vía que conecta coas Xubias de Abaixo. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, visitou as obras e avanzou que a finais de agosto os pacientes e o persoal sanitario do hospital Teresa Herrera da Coruña, ou Materno-Infantil, verán mellorada a súa mobilidade e o seu acceso a este centro sanitario.
26