- O Concello de Carballo entregará este domingo as primeiras bolsas
A dúas semanas da Semana Europea da Redución de Residuos, que se celebrará do 20 ao 28 de novembro, o Concello de Carballo pon en marcha unha iniciativa para visibilizar os resultados de depositar residuos orgánicos nos colectores marróns. Deste xeito, os carballeses que participan no programa ‘Ti tes a chave’ converteranse este domingo nos primeiros de Galicia en poder usar o compost producido na planta de compostaxe de Sogama.
Coincidindo coa feira, o Concello instalará un posto na rúa Coruña das 10:30 ás 14:30 horas para que os veciños colaboradores poidan recoller unha bolsa de compost que ademais xa se está usando nos xardíns municipais ao ser un «abono natural e de moi boa calidade», destaca o goberno local.
Nesta iniciativa municipal participa a propia entidade de reciclaxe, que xa presta o seu apoio no programa de compostaxe doméstica na zona rural. Nestes momentos hai preto 700 familias pero o prazo para participar está permanentemente aberto, podendo inscribirse esta fin de semana no stand.
Sogama ten prevista tamén unha acción para o xoves 25.