- Os propietarios interesados teñen quince días de prazo para presentar as súas propostas
O Concello da Laracha quere solucionar a falta de aparcamentos públicos en varios puntos estratéxicos da localidade, e para isto alugaralle a varios veciños aquelas parcelas que cumpran cos requisitos e que se atopen nas inmediacións do recinto feiral de Paiosaco, do centro de saúde da Laracha e do complexo deportivo da piscina municipal, dando tamén servizo á Casa da Cultura.
Os contratos de aluguer terán unha duración máxima de catro anos, estando contemplada a súa extinción no caso de que o arrendador venda a finca a un terceiro e este manifeste a súa vontade de dalo por concluído. As parcelas deberán atoparse a unha distancia máxima de 300 metros da infraestrutura de referencia, ter fronte á vía pública e estar vacantes de edificacións.
Para o caso da feira de Paiosaco, a superficie mínima será de 9.000 metros cadrados e o importe máximo a aboar polo Concello nos catro anos sería 60.317,68 euros segundo a valoración realizada polos técnicos municipais do departamento de Urbanismo. A parcela próxima ao centro médico da Laracha terá un tamaño de entre 4.200 e 5.100 metros cadrados e o arrendamento non superará os 34.180,02 euros. A finca para aparcamento nas proximidades do complexo deportivo da piscina municipal terá unha superficie de entre 2.250 e 3.750 metros cadrados, investíndose no aluguer un máximo de 25.132,26 euros.
Aquelas persoas que sexan titulares de parcelas que cumpran as características requiridas teñen un prazo de quince días para presentar as súas propostas.
Na Plataforma de Contratación do Sector Público publicaranse os pregos que establecen unha serie de criterios de adxudicación baseados na calidade e prezo das ofertas, valorándose cuestións como a proximidade ás infraestruturas de referencia, o tamaño da parcela, a cualificación urbanística do solo e a oferta económica.